Torre de San Sadurniño - CAMBADOS

Torre de San Sadurniño: O descubrimento do sepulcro do apóstolo Santiago a principios do s. IX e o posterior levantamento da catedral, provocaron que xurdisen estas torres de vixía para defender a ría de Arousa e Compostela dos ataques de normandos e viquingos. Construída na antigamente coñecida como a illa da Figueira, en tempo do bispo compostelán Sisnando I, na Alta Idade Media e reparada posteriormente polo arcebispo Xelmírez.

Por medio de fogueiras avisábase da chegada dos piratas á ría. A Torre da Lanzada enviaba o sinal de fume á Torre de San Sadurniño que o remitía  á Torre de Cálogo en Vilanova de Arousa  e esta, á súa vez, llo facía chegar ás Torres do Oeste en Catoira, pondo en estado de alerta e defensa a toda a comarca e a Santiago de Compostela.

Esta torre representa os restos do que antigamente fora unha fortaleza, que sería destruída polos rebeldes Irmandiños, e de novo reedificada por Gómez de Sotomayor ata o seu abandono. Xunto a ela, había unha capela, da que non quedan vestixios, coas imaxes de San Tomé, que lle deu nome á vila, e San Sadorniño, que lle deu nome á torre, conservadas na capela da Valvanera.

Esta defensa contra os ataques dos pobos viquingos e sarracenos valeulle para ser nomeada "Moi Leal Vila" polo rei Fernando II no s. XII, iniciándose entón un período de esplendor que queda reflectido na multitude de pazos que existen no municipio.