A ruta dos Lavancos transcorre pola beira da enseada desde o lugar do Facho ata Correlo, onde nos adentraremos na desembocadura do río Umia para volver polo camiño interior entre piñeiros e cultivos de albariño.
Datos técnicos
Inicio: no Facho (Castrelo), Cambados
Fin: no mesmo lugar
Lonxitude: 3,5 quilómetros
Dificultade: baixa
Tempo estimado: 2 horas
Flora e fauna
O parrulo real: É o pato máis común de Europa. Neste espazo natural é sedentario e cría nas lagoas, zonas encharcadas e xuncais. A esta poboación autóctona súmanselle un bo número de invernantes que fan do complexo intermareal un dos hábitats máis importantes de Galicia. É frecuente atopalo nos postes e nos cables de electricidade nas marxes de camiños e estradas.
As plantas halófilas: Nas beiras encharcadas diariamente pola preamar, aparece unha vexetación formada por plantas halófilas, é dicir, adaptadas aos solos salobres. Entre as máis comúns destacan a "Sueda Marítima" e "Sueda Beira" e a verdolaga marítima "Hamione Portulacoides".
O corvo mariño real "Phalocrocorax Carbo": Presente no espazo natural desde os primeiros días de agosto, procede das colonias de cría de Gran Bretaña, Noruega e a Bretaña Francesa. Pasa o día mergullándose para pescar, e no seu descanso permanece a miúdo coas ás abertas para secar a súa plumaxe. No verán verémolos voar cara á illa de Ons, onde teñen os seus niños
Descrición da ruta
Comezaremos o percorrido no lugar do Facho, fronte á illa da Toxa, moi preto da Toxa Pequena. Nos primeiros metros do itinerario, a presenza do home está moi patente. Á esquerda do cartel de inicio, atoparemos a caseta da confraría de mariscadores de O Grove, onde ten lugar a pesada do marisco que se recolle no banco natural que se estende desde aquí ata Cambados.
Pasaremos diante dun estaleiro e dun cocedoiro de marisco e de peixe. Logo, chegaremos a un paso de madeira que nos levará pola praia ante unha vexetación tipicamente halófila, para continuar camiñando pola beiramar, á sombra dos piñeiros e algúns carballos.
Ao chegar á punta de Correlo, veremos os diferentes illotes que se forman na desembocadura do río Umia. Desde este lugar poderemos ver, se a marea está baixa, as mariscadoras traballando na zona que queda en seco entre aves como patos, garzas, corvos mariños e outras. Se a marea está alta, as aves ocuparán a beira do estuario e os illotes, esperando un novo ciclo da marea.
Regresaremos polo mesmo camiño ao chegar ao panel de identificación de aves. Desde aquí, seguindo un camiño polo interior a través de cultivos de albariño, daremos cunha pequena estrada pola que deberemos continuar. Ao final, tomando o camiño que atravesa un piñeiral, alcanzaremos o punto de partida.