Fiestas en honor a San Antonio y Santa Mariña 2016 en Cambados

O 17 de xullo hónrase a San Antón, patrón da confraría de pescadores, festividade que nunha vila mariñeira como Cambados acada unha enorme relevancia social.

O 18 de xullo é o día da patroa de Cambados, Santa Mariña. As celebracións relixiosas desenvólvense ao longo do día, finalizando cunha vistosa procesión na que a virxe é levada  polas principais rúas da vila, acompañada de gaiteiros e bandas de música.

En torno ao 20 de xullo ten lugar, no barrio mariñeiro de San Tomé, a festa de Santa Margarida, na que se ofrece unha degustación de balde de mexillóns, pan de millo, sardiñas e viño tinto.

Durante a primeira semana do mes de agosto ten lugar a exaltación gastronómica máis importante da vila de Cambados: a ” Festa do Viño Albariño”, declarada de Interese Turístico Nacional.

O que comezou como unha reunión de amigos en 1953, é hoxe unha das máis importantes citas dentro das festas dedicadas á vitivinicultura en España.

A esmorga organízase nos arredores do paseo da Calzada, onde decenas de casetas acollen as adegas máis destacadas da zona, que poñen á disposición do público os seus viños albariños a prezos populares para a ocasión. Próximas a elas sitúanse as carpas gastronómicas onde se serven gran variedade de produtos típicos para acompañar ao viño como empanadas, mexillóns, pementos, ameixas, etc.

Pero a festa non se basea unicamente na degustación, nin tampouco se reduce ao paseo da Calzada. Así toda a vila empápase do sabor da festa e é partícipe dunha morea de actividades e eventos que se levan a cabo nos días que dura a foliada. Cómpre destacar as expresións xocosas que locen as camisetas dos distintos grupos de amigos para deleitar a festividade e posteriormente participan nun concurso de lemas. Xornadas gastronómicas, concertos dos mellores grupos españois e internacionais, ademais de grupos de gaitas, bandas de música e exhibicións folclóricas, competicións deportivas, festivais pirotécnicos... son só algúns dos engados cos que nos podemos atopar. Ademais do nomeamento, cada ano dos novos “cabaleiros” e “damas” do Capítulo Serenísimo do Albariño, que enche as rúas da vila de personaxes de variados ámbitos sociais, políticos e culturais, así como dun nutrido número de confrarías que enaltecen o viño.


Data: 17/07/2016 00:00 - 17/07/2016 00:00